O MUMI presentou nesta edición unha selección de 20 bandas e artistas onde estiveron representadas as músicas tradicionais, o rock, a electrónica, o jazz, as músicas urbanas, o indie-pop ou a canción de autoría, e que dan boa conta do gran momento creativo que viven os dous territorios. Dentro da sección de showcases presentaron os seus directos a Antía Muíño, Mondra, Anxo Araújo, Diego Alonso 5tet, Habelas Hainas, Lontreira, Moura, Xurxo Fernándes, Aníbal Zola, Expresso Transatlântico , María Monda, Maze, Retimbrar, Virgem Suta. Ao programa de showcases, sumáranse as propostas do concerto de apertura cos brasileiros Destino do Clã , o coro galego Encaixe e desde Portugal O Gajo coas Sanfonas da Ponte Velha; e no peche do domingo ao mediodía, os Gaiteiros da Ponte Velha e a banda Gooze presentaron as súas propostas nunha sesión de música aberta ao público xeral dentro da Fortaleça de Valença. O ESPAZO OFF acolleu ademais as sesión de Dj Gaiteirinho e Dj Ábrete de Orellas;
A banda galega Caldo presentará o seu disco na Fira Mediterrània de Manresa en outubro. O acordo de colaboración iniciado este ano coa Fira Mediterrània de Manresa, e que trouxo ao MUMI proposta catalá de Alba Careta & Henrio, levará agora á banda galega Caldo a presentar o seu novo disco neste importante mercado no que se darán cita en outubro programadores de todo o mundo, e que é un referente para as músicas que utilizan a raíz, a tradición e a cultura popular como motor creativo. Froito da conexión das axencias galegas con Cataluña, este ano a Fira Mediterrània de Manresa vai acoller tamén a outras bandas galegas como Caamaño & Ameixeiras, dentro do Focus Galiza-Portugal que o mercado catalán ten programado neste edición, grazas ao apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais.